info[arroba]nutteatro.es
NUT TEATRO é unha compañía de teatro galega e contemporánea que, baseándose na formación común, no proceso realizado por cada integrante e nun discurso centrado nos debates artísticos actuais, abandona os códigos vellos para traballar dende/na contemporaneidade.
Nut Teatro é unha compañía de teatro galega e contemporánea que, baseándose na formación común, no proceso realizado por cada integrante e nun discurso centrado nos debates artísticos actuais, abandona os códigos vellos para traballar dende/na contemporaneidade.
Formado en maio de 2006, Nut é un proxecto firme e de base que, apostando por unha equipa cunha formación multidisplinar e parateatral, mestura e reformula distintas disciplinas na concepción dos seus traballos buscando non ser entendida coma unha compañía que emprega códigos tradicionais, senón coma unha aposta común que se implica e renova na súa traxectoria e proposta artística ao longo do tempo.
Un proxecto que, buscando o discurso fundamentado, un código e microcosmos propios, así coma unha proposta teatral e actoral arriscada, non demora en facerse e refacerse dende o inicio dos seus espectáculos ata a fin destes. Traballos arriscados e en continua evolución que, donos dunha mirada aberta e contemporánea, fan do proceso creativo non un medio, senón o verdadeiro protagonista.
A radicalidade consiste en enfrontarse aos problemas dende a raíz, por iso a medida que se medra profundízase máis nos problemas e un vólvese máis radical, "canto máis vello máis libre, canto máis libre, máis radical" José Saramago.
Dende a súa posta en marcha, Nut podería ser entendida coma unha casa en continua edificación. Un motor que aposta pola concepción de traballos sen data de caducidade e por un repertorio en continuo movemento. Un repertorio que nunca remata por pecharse e que, coma na man dun compositor, Nut vai afinando expoñéndoo á continua revisión.
O resultado é a creación de espectáculos que tentan cortar coa limpeza dun bisturí. Traballos radicais que, lonxe de ser concebidos a priori cun tempo limitado de vida, comezan a súa traxectoria o día da estrea e continúan vixentes no tempo, grazas a unha constante posta apunto concorde coa evolución artística e social.
Mais Nut non é unha compañía pensada para verse atada unicamente ao escenario dun teatro ou dunha sala coma lugar para nomearse, senón que a súa proposta mira máis aló...
Buscando a un espectador que participe activamente coa súa mirada dentro dos traballos, os espectáculos de Nut adoptan diferentes formas que van dende o ámbito teatral ata a performance, instalación ou dinamización de festivais, podendo ser presentados en espazos "tipoloxicamente non teatrais".
Espazos e espectáculos que van creando o que xa coñecemos coma o Universo Nut. Un microcosmos cheo de metáforas, imaxes anovadoras, semiocultas insinuacións e conceptos artísticos de plena actualidade que, fan da radicalidade e do enfrontamento aos problemas dende a propia raíz, a súa carta de presentación.
Despois de tres traballos estreados e actualmente en vixencia, varias performances e futuros proxectos que se atopan en carteira... o Universo Nut estase a constituír coma un inventario propio a base de items que podemos identificar coma "constantes" nas súas pezas [...]