O terceiro traballo da compañía, A mirada de Pier, veu a configurar plenamente os parámetros artísticos sobre os que se asenta Nut Teatro. Pois, nesta seguinte aposta, é xa tanxible un corpus de referencias e imaxes comúns a todos os traballos que compoñen o Universo Nut ( a ausencia de personaxe, o poder da mirada e do outro, a búsqueda do pracer, a liñas divisorias coma novos espazos por explorar...).
Estreada en decembro de 2007 na Sala Nasa e os días 25 e 26 de xaneiro de 2008, no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol, A mirada de Pier foi presentada nos Concellos da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), na Rede Galega de Salas (RGS), na X MOSTRA SESC DE CULTURA DO CARIRI (BRASIL), e no XV JANEIRO DE GRANDES ESPETÁCULOS EN RECIFE (BRASIL).
Catro actrices, nunha situación de ficción, mostran e demostran tres visións diferentes do pracer a través dun elemento común: o desexo.
Un microcosmos composto pola presencia da dominación, a sumisión, o bondage, as cordas, a superación, o poder de sentirse diferente, atada, cobaia, sometida, perseguida... de disfrutar e obedecer sabendo que se te entregas de verdade a pelota está no tellado da outra persoa.
Unha persoa (o outro) que ten o privilexio de mandar e mirar facéndote consciente da túa exposición. Unha presenza dominadora que, neste traballo adopta o nome de Pier como alegoría do desexo, pero que non é máis que a mandataria e cómplice mirada do espectador. A que sempre permanece anque non diga nada. Un delicioso voyeaur que, dende o máis interesante e morboso anonimato, manexa a parte máis íntima de cada un de nós.
Pois...Se ben as catro actrices xogan ao despiste
dende o comezo saben de sobra que Pier es ti
e a túa Mirada un mandamento.
Por se vos interesa descarregalo, deixamos aquí o tríptico de A Mirada de Pier: