info[arroba]nutteatro.es
Atraídos pola figura comprometida, desgarrada e radical de Sarah Kane, así como pola valentía e calidade á hora de construír textos teatrais, Nut Teatro converteuse na primeira compañía que traduciu ao galego e levou á escena un texto desta artista recoñecida e valorada internacionalmente.
Tras un minucioso proceso de investigación, (onde se buscou unha posta en escena limpa e a presenza dun texto que, seguindo a traxectoria artística de Sarah Kane, sentenciara e dialogara sen caer na autocompaixón, afectación ou lectura dramatizada), a estrea de 4.48 Psicose tivo lugar o 21 de febreiro do 2007 inaugurando a Zona Alternativa da Sala Nasa e sendo, ese mesmo ano, escollida para conmemorar os actos dos 125 anos de teatro en galego a través de presentacións en varias cidades galegas.
4.48 Psicose foi mostrada igualmente nos concellos da Rede Galega de Teatros e Auditorios e na Rede Galega de Salas, así coma na 24 Mostra Internacional de teatro ( MIT) de Ribadavia e no Festival Internacional de Expressão Ibérica 2008 (FITEI) do Porto.
4.48 Psicose fai referencia á hora de maior lucidez das persoas que son sometidas a tratamento psiquiátrico e á hora na que a confusión provocada pola medicación se esvaece. A hora na que con máis claridade se percibe e tamén na que máis persoas se suicidan. A propia Kane suicidouse pouco despois de escribir este desgarrador poema escénico.
Máis ca unha obra convencional, con personaxes, trama argumental e parámetros de tempo e lugar, o texto é un canto desesperado, un poema totalmente lúcido co propio sentimento: a desesperanza. Non hai presupostos previos nen unha proposta formal clara por parte da autora, senón un poema sen maquillaxe onde a Kane fala sen sentimentalismos nen autocompaixón.
Deste xeito, Nut Teatro realizou unha proposta baseada no traballo actoral e na ausencia de elementos escénicos externos coa intención de manter a esencia propia do texto sen ornamentos nen engadidos. Un espazo limpo, dúas butacas negras nun chan branco no que non hai cambios de luz, no que non hai música, no que non hai son ... só a conversa entre a paciente e o seu psiquiatra.
Por se vos interesa descarregalo, deixamos aquí o cartel de Psicose 4.48 en tamaño completo en pdf (844 Kb).